A vida é un tren en marcha e, en cada estación, agóchase un intre irrepetible. Algúns pasaxeiros soben á primeira oportunidade, con présa, sen reparar nos letreiros de advertencia; outros permanecen na plataforma, paralizados polo medo a escoller un destino. Hai quen se aferra ás maletas, cargadas de dúbidas, e quen, co billete na man, segue preguntándose se aquel é o tren axeitado ou se virá outro que leve a un lugar menos esixente, menos incerto. A estación énchese de pasos indecisos, de olladas que se perden nas vías, agardando un sinal que nunca chega.
Pero o convoi e as agullas do reloxo non esperan. Unha vez en marcha, non hai regreso nin posibilidade de repetir a viaxe. A ruta non pode mudar unha vez que unha estación quedou atrás. Só queda mirar pola fiestra e decidir se nos conformamos con ser testemuñas ou se nos atrevemos a baixar nalgunha parada inesperada. Hai quen escolle sempre os vagóns de primeira clase, crendo que a comodidade garante a mellor experiencia, sen decatarse de que o verdadeiro valor da viaxe reside na diversidade dos compañeiros de ruta. Hai quen suxeita o billete con medo a perder a súa estación e esquece mirar pola ventá; quen observa a paisaxe con nostalxia, sabendo que cada imaxe se esvae antes de poder desfrutala; quen se apea esgotado antes de tempo e quen cambia de asento unha e outra vez, convencido de que a felicidade sempre está noutro lugar. Algúns dedican a viaxe a descifrar o percorrido que deixaron atrás, mentres outros non apartan os ollos do panel de destino, sen decatarse de que así perden os praceres do presente.
O maior erro está en ficar inmóbil, deixando escapar calquera oportunidade. O mapa da vida non é unha cartografía exacta e predefinida, senón unha tea de decisións tecidas ao renxer do instante, que nos conducen a horizontes imprevistos: algúns pródigos en riqueza, outros marcados pola aridez. Non se trata de apurar a chegada nin de atopar o destino ideal, senón de entregarse á aventura, de aprender a descender nas encrucilladas axeitadas e, sobre todo, de comprender que, nesta viaxe, a única maneira de avanzar é deixarse levar polo movemento con coraxe e determinación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario