Consoante me fun facendo maior empecei a darme conta de cousas interesantes da vida e, por suposto, do meu propio percurso vital. Aquí están media ducia de aprendizaxes ate esta mediana idade:
1. O proceso de crianza dos fillos é caro, esixente e precisa moreas de tempo. Na práctica, a conciliación familiar e laboral significan que debes ser tan profesional coma se non tiveses fillos, mentres crías fillos coma se non tiveses emprego. Nunca poderemos pagar os sacrificios que os nosos pais fixeron por nós.
2. A familia non se pode elixir, pero podes escoller os teus amigos, socios, camaradas e coñecidos. Non todas estas amizades e relacións durarán para sempre, e está ben que así sexa. A xente que vai e vén tamén cumpre unha función.
3. Se procedes dun fogar normal, non podes xerar un grande impacto xogando seguro. Necesitarás algo máis que traballo duro, terás que quebrar varias regras e amolar a algunhas persoas.
4. Os 40 non son os novos 20. Todos temos un lado escuro, salvaxe, unha especie de impulso de Eros e Thanatos: non hai outra que lidar con esas tebras na mediana idade. Só un mantemento adaptativo garante un bo funcionamento de corpo e espírito.
5. O ser humano non está deseñado para aturar a verdade, senón para a supervivencia. A vida é inxusta e a meritocracia é un mito, pero, paradoxalmente, as cousas adoitan ir mellor facendo como que a vida é xusta e que a meritocracia existe. Queres ser feliz ou queres a verdade? Non se pode ter as dúas cousas.
6. A amabilidade resulta moito máis importante que a intelixencia. Ser espilido fai pouco ou nada para volver o mundo un lugar mellor a menos que a intelixencia estea ao servizo das boas maneiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario