Cando era mais novo sentía unha certa admiración pola enxeñaría alemá que se foi esvaecendo ao ir coñecendo os pormenores deste mundo.
Primeiramente, a maior parte do que se vende baixo o selo Made in Germany non é producido en Alemaña. Espero que a xente abra os ollos cedo perante este engano. Non poucas veces o Made in Germany significa facer apenas algún pequeno remate en Alemaña. O verdadeiro groso da produción é feito en Polonia, Eslovenia, Hungría, Croacia, etc... ou algún país colonizado económicamente. Eu mesmo vin fabricar a maioría das pezas dun produto en España troqueladas co Made in Germany.
A calidade dos produtos alemáns está sobrevaloradísima. Por exemplo, calquera que teña traballado cun coñecido ERP alemán non entende por qué ese ERP tan cutre, cuadriculado e tan pouco ergonómico está en case todas as empresas e non os ERP americanos. Estou certo de que se non fose polo euro e os aranceis aos produtos americanos e asiáticos, moitos produtos inferiores alemáns non serían vendidos na Europa.
A calidade da enxeñaría alemá e dos seus enxeñeiros tamén está sobrevalorada. Os mercados británico e holandés de servizos de enxeñería son moito máis competitivos que o mercado xermánico por dúas razóns: a lingua e a meritocracia, e especialmente esta última. Tanto holandeses como británicos, mesmo con Cameron, entenden que se un profisional oferece unha calidade superior, a orixe do apelido non é determiante, e non ten moito sentido porlle travas artificiais. Isto, por desgraza, non acontece en Alemaña, onde os CEO, os que mandan, son xeralmente de faciana e apelidos teutóns.
Finalmente, só como contraexemplo de que non todo en Alemaña é honradez fiscal, a construtora mais corrupta en Grecia resultou ser Hochtief, unha grande construtora alemá que debe aínda hoxe 600M€ ao estado grego en impostos e intereses. Alemaña é un prodixio tecnolóxico, certo, mas tamén alí se cocen fabas e Alemaña non podería ser un prodixio tecnolóxico se non fose un país inserido nun mercado común europeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario