1 de ago. de 2010

Mesmo salario para todos







































Se hai unha web coa que convén remexer e argallar de cando en cando é http://salarios.infojobs.net/. Entre as tendencias curiosas da crise que percebín alí está a homoxeneización de salarios. Isto que nun principio podería semellar un sintoma de igualdade agocha unha ausencia de diferenciación de CVs no mercado laboral e unha esixencia de mobilidade total para acceder a calquera emprego. Os deliñantes deveñen improvisados informáticos de mantemento, os dependentes de tenda tanto fan de encargados como de mozos de carga e limpadores (por iso en Día nunca se pode pagar cun de 50€ a partir no serán!!!), aos contables pídeselles que sexan fiscalistas e laboralistas, os enxeñeiros xa non son simples calculistas senón comerciais, consultores e burocratas, as secretarias preparan todo tipo de documentos en todo tipo de linguas, eventos e viaxes, as queixas dos clientes pasan por call-centers onde o mesmo (de mal) se atende unha avaría que unha baixa dun contrato e así a marca vai substituíndo aos poucos ao nome do profesional (conversa verídica cun banco on-line:
- Con quen teño o pracer de falar?
- non estou autorizado a dicirllo, señor).

Tocar ocasionalmente de todo un pouco pode resultar divertido e instructivo mas, se o eido de traballo se vai estendendo, os perfís pretendidamente xeralistas rematarán sendo simplemente unha masa anónima e uniforme de empregados que vai levando as tarefas como pode no canto daqueles expertos que oferecen unha solución persoalizada e case artesanal.

1 comentario:

  1. A clave está niso último que dí. O sistema necesita unha masa que faga o traballo, non depender de unha élite que pode chegar a coller a sartén polo mango (os controladores aéreos, tan de moda estes días, son un exemplo).
    Nese senso, os enxeñeiros son un punto clave do sistema. A sociedade tecnolóxica non funcionaría sen eles, mais esa é unha dependencia incómoda para os que ostentan algunha cota de poder neste sistema.

    ResponderEliminar