6 de feb. de 2010

A era dos parvos con contactos

Nestes tempos que corren semella que calquera imbécil cun portátil e wifi é capaz de parir un blog ou unha web e vender as súas receitas milagreiras 2.0 para saír da crise, a cada cal mais radical e mais neocon, esquecendo a diagnose profunda da crise, isto é, a grande doenza ibérica, a pandemia de estupidez e nepotismo institucionalizados.

Desde Darwin sabemos que compartimos unha orixe común con outras especies e que todas as especies teñen que soportar as súas doses cotiás de medos, mágoas e males. No entanto, os seres humanos teñen a desgraza de ter que apandar co engadido de dores causadas por un grupo de persoas pertencente ao xénero humano. Este grupo é moito mais poderoso que as mafias, os lobbies petroleiro e farmacéutico ou os grupos terroristas internacionais. Non se trata dun grupo organizado, rexido por leis e xefazos, mas actúa en perfecta harmonía como unha forza universal e omnipresente. Trátase do grupo dos parvos, dos estúpidos e dos imbéciles de remate con contactos.

Algúns parvos, como os tradicionais tontos del pueblo, xeran só danos limitados mas hai outros que levados a posicións de autoridade e poder chegan a ocasionar danos terríbeis a comunidades, empresas e sociedades enteiras. As clases e castas familiares, políticas, financeiras, burocráticas, mediáticas e eclesiásticas foron as que permitiron até hoxe un fluxo constante de persoas estúpidas a postos onde se causa o maior dano. Porque os parvos poden ser parvos mas téñense en alta estima e saben que os favores no Sul de Europa compénsanse criando unha montra virtual que cobre da res publica por vender relatorios sen moito fundamento ou vaporware.

Non teño calquera idea de por que funciona ou non funciona a economía mas estou certo de que non será porque xente brillante a estea a dirixir. Se se suman todas as decisións económicas e empresariais absurdas, nun 10% dos casos as parvoíces poden chegar a compensarse e mesmo producir algúns resultados razoábeis. Os restante 90% dos emprendimentos empresariais fracasa antes dos dez anos. Este feito proba que a pseudo ciencia económica non pode predecir, da mesma maneira que non pode ser predecido o intre preciso dun terremoto. Con todo, ilustrísimos parvos diplomados continuarán tentando vendernos políticas baseadas en tendencias e futuroloxía.

Ademais, os parvos, na arrogancia epistémica do manichment, manteñen un circo económico, financeiro, educativo e lexislativo tan complexo que xa ninguén é capaz nin de desvendar a estupidez xeneratriz nin de entender nada no medio do barullo de neoloxismos, acrónimos e institucións que certifican o bo que é todo. Isto explica que pasamos boa parte da xornada racionalizando estupideces, tentando aceptar como lóxico o que realmente non o é, falsificando a imaxe para adaptarnos ao mercado, falando en newspeak sen dicir nada, hipnotizados catro horas diarias perante a TV... até que xa non resta mais fume que vender e o xogo de parvos remata con nóminas á baixa, hipotecas sen pagar e un 20% de desemprego.

6 comentarios:

  1. Dicía onte un coñecido meu (con razón) que, por algunha razón, a xente cre antes nun tonto que nunha persona normal.
    No caso da economía, eu entendo que o problema está en que esa lexión de tontos traballa consciente ou inconscientemente para unha verdadeira minoría (¿10 persoas en toda España? ¿20?) que non ten outra motivación que acumular riqueza e poder sen preocuparlle nada iso da economía ou o mercado, ou a cantinela que empreguen os seus tontos para engaiolar á masa.

    ResponderEliminar
  2. Home, hai "tontos" teñen a capacidade de ter karma 2.0 e mesmo palmeiros arredor para rirlles as grazas e despois están os "tontos" útiles. En calquera caso, o verdadeiro poder de facer dano dun parvo sen escrúpulos vese en momentos de crise como este. E son unha lexión deles.

    ResponderEliminar
  3. Ademais dos parvos está o tema dos economistas (moitos deles parvos por outra banda). Os economistas son seres especiais. O seu traballo parece consistir en explicarnos o por que das cousas unha vez que estas pasan. Nnca vin a ningún predecir algo con acerto, agora ben, son excelentes para, unha vez que pasou algo, explicarche como se chegou a iso. Son como os do CSI

    ResponderEliminar
  4. Uf, cantas cousas...ben, vaiamos por partes, como Jack.
    mendinho: se o 90% dos negocios fracasan por parvos, i o 10%restante sae adiante, a pesar das parvoíces, significa esto que...vexamos...as matemáticas non son o meu forte pero...o 100% dos emprendedores son parvos!!!!. E digo eu, onde deixa esto a eses outros que traballan para eles?
    F.míguez: Vaia!! un conspiranoico!! encantado, nunca coñecera a ningún (coidado, o goberno persegue comentarios dese tipo para manter o stablishment i evitar o pensamento ceive, fuxe!)
    Adycto: Home, a ver, parvos hai en todas partes, pero o que "predice" o futuro chámase así mesmo vidente e cousas semellantes, i os que os siguen son PARVOS con maiúsculas. Vouche explicar algo, a ciencia baséase en analizar os sucesos pasados (físicos, biolóxicos, históricos ou económicos) para extraer conclusións válidas que nos permitan coñecer mellor o entorno e precavernos de cara ao futuro, pero a única ciencia exacta é a matemática. Demasiado DYC quizáis?.
    Supoño que tiñades un mal día e o dos parvos é un tema moi recurrido, todos coñecemos algún enchufado que outro que nos parece GILIPOLLAS, no seu sentido máis "pexorativo" pero de ahí a pensar nun mundo de parvos, a ver ho!
    P.D.: bonito blogue.

    ResponderEliminar
  5. O 100% dos emprendedores son parvos.

    Así o afirmou Dilbert (Scott Adams) coñecido economista e debuxante ao que lle teño unha grande admiración e así o afirmou Carlo Cipolla. Probabelmente todos sexamos parvos nalgunha medida: ninguén parece saber cientificamente por qué funcionan os negocios, a economía ou cal é a finalidade última da Administración pública mas a grande maioría disimula.

    Di o principio de Dilbert que un chega tan lonxe como o seu nível de incompetencia lle permite e isto explica que a maioría dos que ocupan os postos de cabeza parezan parvos.

    Sócrates xa advertira que un parvo é moito máis perigoso do que un malvado. Por iso eu creo firmemente que a pseudociencia do management, por moito glamour que poidan oferecer os traxes de Ermenigildo Zegna, debería chamarse en rigor economancia e levar unha advertencia como o a do tabaco cos perigos para a saúde pública no caso de ser empregada por parvos engaravatados.

    Supoño que tiñades un mal día (...) todos coñecemos algún enchufado que outro que nos parece GILIPOLLAS

    Mal de moitos...

    ResponderEliminar