Após a publicación da folla de rota da Xunta de Galiza todo parece confirmar que iniciativas tan positivas como Mancomún (portal de desenvolvemento do Software Libre), Galinux (versión de Linux en galego para o ensino) ou a Rede de Dinamización están condeadas a desaparecer ou, talvez, a morrer de inanición orzamental.
En contra das promesas eleitorais do seu partido no que se comprometían públicamente a implantar software libre e estándares abertos na Xunta, o seu novo Plano Tecnolóxico de 9 de xullo de 2009 non menciona sequera estas hipóteses. De feito, cito textualmente do seu programa, que se atopa en http://www.ppdegalicia.com/pdfs/programa_PPdeG.pdf, que un dos seus obxectivos prioritarios era daquela
«(el) impulso de la implantación de software libre y (el) uso de estándares abiertos en la Administración Autonómica, compartiendo y reutilizando el software que fuese creado con dinero público».
O uso de software libre na Xunta suporía aforrar millóns de euros que actualmente se desbaldan en licenzas ou, o que é peor de todo, en fabricar software propietario con cartos públicos que fica pechado ao público sen garantía de interoperabilidade nin de libre concorrencia.
Como profesional comprometido co espallamento das novas tecnoloxías e tamén como como cidadán consciente da trascendencia que teñen as TIC para o futuro da nosa terra, quero manifestarlle a miña fonda preocupación pola ausencia de compromiso neste eido que está a manifestar o actual executivo.
As tecnoloxías libres foron identificadas pola Comisión Europea como os garantes dun mercado informático de libre concorrencia e confío na súa rectificación. Agardo tamén que a diferenza da rolda de prensa posterior ao devandito Plano onde o Sr. Presidente afirmou que "Me gustaría poder tener un 'Power Point' para explicarlo todo" lembre que tamén pode facer presentacións con OpenOffice.org e que ademais é de balde.
Unha cordial aperta,
Xosé Manuel Carreira Rodríguez
Enx. Camiños C. e P., MSc
Enx. Téc. Informática de Xestión