Tamén enche o peito de envexa ver que mentres a cultura catalana tenta -cos seus acertos e os seus excesos- ter a súa presenza e, por que non dicilo, facerse ver como musculoso lobby nos mellores espazos da capital do Estado, pola outra banda a Casa de Galiza está nun recuncho da periferia madrileña. A visibilidade da cultura galega nesta megalópole, mesmo no día das nosas letras, é escasísima e non acada sequera uns segundos nos principais telexornais.
Dicía o profesor e reitengrata confeso Carvalho Calero que as culturas que se isolan, que non teñen intereses universais e que non venden alén fronteiras non teñen futuro. Neste mundo global, de bloggers e blogomillos, levo anos crendo que o mellor que podería acontecer para o galego e para os sufridos galegofalantes é facer parcería co portugués, ensinar conxuntamente ambas linguas e celebrar actos conxuntos nos milleiros de Institutos Camões que hai polo mundo, con viño albariño e empanada de xoubas se fai falta.
Por exemplo, creo que coma min houbo moitos galegos que onte sentiron que a canción portuguesa no festival de Eurovisión titulada Todas as ruas do amor (precisa tradución para galego?) estaba mais próxima culturalmente ao noso corazón que os arabescos dance de Soraya. Isto non debería facer sentir politicamente incómodo a ninguén.
Dado que o resto do mundo semella non ter moi clara a diferenza entre galego e portugués, non hai que complicar as cousas mais do estrictamente necesario. Así, cando fun procurar o libro Made in Galiza de Séchu Sende dúas de cada tres bibliotecas madrileñas catalogaran o volume como narrativa portuguesa. Vallecas reintegrata? Nada que obxectar.
Pode que nos vindeiros anos a mesma liturxia volte repetirse ou tamén pode que algún día celebremos o derradeiro funeral das letras galegas se non revitalizamos a lingua con algunhas vitaminas lusófonas.
Casualmente, estoulle na corda frouxa sobre se o próximo artigo que escriba vai ser sobre tráfico ou sobre (máis ben contra) certas prácticas que se están a seguir co galego. Non sei, pero creo que preciso reflexionalo bastante antes.
ResponderEliminarEn calquera caso, e sen me opoñer frontalmente ó reintegracionismo, unha pregunta de método: ¿a qué idioma se reintegrou o catalán para acadar o estatus que ten agora? Ollo, de método, non de polémica.
:D
Agardo o seu off the record.
Non é tanto un tema de ortografía senón de ensinar ademais de galego, o portugués padrón, pondo as cousas no seu contexto e tirando o máximo proveito das sinerxias.
ResponderEliminarO caso catalán é totalmente diferente. Desde un punto de vista social, Cataluña é unha economía rica, ten unha burguesía que fala e promove o catlán como feito diferencial contra a grande metrópole madrileña. E na Galiza non temos nada diso.
Por outra banda, o catalán tampouco ten con quen reintegrarse. En todo caso podería falarse dunha reintegración do valenciano e do mallorquín na familia catalana. O caso dos que teiman en dicir que o valenciano é diferentísimo do catalán é moi semellante ao dos isolacionistas galegos.
Así explicado (e a miña pregunta non quería preparame o terreo para dicir isto), o plan que me parece máis interesante, entón, é o de crear unha burguesía galegofalante (dixen interesante, non fácil); tal vez, editando libros sobre a mecánica dos medios contínuos en galego, por poñer un exemplo. Pero con unha condición: manter o idioma que falan os «non-burgueses», para evitar, como está a acontecer, que os galegofalantes «nativos» se sintan desprazados por un idioma que non é o seu senon outra imposición máis.
ResponderEliminar