
Os enxeñeiros navais galegos através do Colexio viñan de manifestar que Navantia Fene, na imaxe, non podía continuar mais tempo infrautilizada e defendían así, coa dialéctica propia dos técnicos, o Plan Barreras.
Todos sabemos que o principal mas non único culpábel do fracaso foi a SEPI. A SEPI é esa magnífica xestora de empresas tan rendíbeis e exemplares como RTVE. Alén diso é coñecida polas súas precarias bolsas de emprego de 600 euros ao mes para titulados. Mas a SEPI tamén é a posuidora do veto "de seguridad nacional" que impide construir outro tipo de barcos en Fene.
Sen embargo, non debemos esquecer que certa parte da culpa tivérona os dous grandes sindicatos por non teren apoiado sequera minimamente o plan do asteleiro vigués. E é que os sindicatos tamén son clubes de clase acomodada que defenden aos que xa traballan e non aos que fan cola no INEM. Os desempregados xa se sabe que non pagan cuota.
Neste caso non estamos a falar do bluff mediático de Pescanova con apenas 50 empregos, estamos a falar da perda da oportunidade de máis de 250 postos de traballo directos adicionais aos existentes en Navantia no ano cero e mais de mil en promedio nas seguintes tempadas nunha zona en declinio. Non son catastrofista mas semella que non espabilamos.